Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta convoca un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo para 12 persoas


— O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 14 de abril e as accións formativas impartiranse no Instituto Galego de Formación en Acuicultura entre maio e xuño

— Antes da realización do curso os matriculados deberán superar unhas probas físicas en piscina e someterse ao test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico

A Consellería do Mar convocou esta semana un novo curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula neste curso, que conta con 12 prazas, está aberto ata o vindeiro 14 de abril.
Esta acción formativa, que se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 15 de maio e o 7 de xuño en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.
Antes da realización do curso as persoas matriculadas deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 25 de abril no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar. A data de realización das probas físicas será o 28 de abril ás 16.00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico, que terá lugar o 12 de maio ás 16.00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.
As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria publicada no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e na web da Consellería do Mar no seguinte enlace.